Cargando...

Lois García Carballido

Alcalde de Ponteceso

Ponteceso é un lugar ideal para a práctica do deporte. Somos dos concellos de Galicia con máis hectáreas en Rede Natura, zonas de protección de aves e lugares que se converten en escenarios únicos para as persoas afeccionadas ao exercicio físico. A enseada da Ínsua, onde o río Anllóns desemboca na ría de Corme e Laxe con lugares espectaculares como a duna xigante do Monte Branco á que cantou o bardo Eduardo Pondal, o autor do himno galego que naceu e viviu en Ponteceso; o Camiño dos Faros, con etapas por lugares tan espectaculares como o Faro de Punta Roncudo (onde se pegan ás rochas os mellores percebes do mundo) ou a praia e piñeiral de Balarés, coa cafetería propiedade da Deputación Provincial aberta todo o ano; tres praias con bandeira azul, dúas delas en Corme, e tamén os desniveis, ideais para a práctica do ciclismo de escalada que tanto gusta aos afeccionados ás ramplas.
A través do equipo que dirixe o concelleiro de Deportes, Marco Varela, desde o Concello de Ponteceso vimos mellorando a extensa oferta deportiva e colaborando con agrupacións como Abellariza, os históricos de fútbol local Puenteceso SD e Corme CF e o gran equipo de fútbol sala feminino campión da copa provincial, FSF Concello
de Ponteceso, ademais de apoiar o Kickboxing Ponteceso e tantos outros eventos, como o xa célebre torneo de fútbol de verán que organiza a asociación A Xolda nun campo de fútbol de herba natural aberto e gratuíto todo o ano.
En Ponteceso todas as empresas colaboran coa promoción do deporte, por iso calquera compra nos establecementos de aquí é garantía de que parte dos beneficios van ir á promoción deportiva, porque os clientes saben e valoran ese patrocinio da vida saudable e o desexo de mellora dos deportistas. Por todo isto é un honor acoller na Trabe (Ponteceso) a saída e chegada da primeira etapa da XVII Volta Ciclista á Provincia. Apostamos a que os pontecesáns e as pontecesás acollerán con entusiasmo esta iniciativa e agardarán cos brazos abertos a todos os que nos visiten con este motivo.