Cargando...

José Miguel Alonso Pumar

Alcalde de Cariño

Comeza e remata en Cariño, por segunda vez na súa historia, unha etapa da Volta Ciclista á Provincia da Coruña. Será na terceira e derradeira xornada desta XVII edición, aquela de percorrido máis esixente, cando recibamos á serpe multicor polas rúas do que é o porto pesqueiro por antonomasia da bisbarra de Ortegal. As cariñesas son terras bravas marcadas por ese forte carácter que só pode imprimir a permanente loita que comporta atoparse entre un mar e un océano, contando co icónico faro de cabo Ortegal como mascarón de proa.
Antes de arribar nos engalanados xardíns do paseo marítimo local, os deportistas deberán superar importantes desniveis orográficos, incluidos os 613 metros de altitude que contemplan os impresionantes cantís de Herbeira, unha vez máis testigos de excepción dun novo encontro coa épica ciclista. E é que, dun xeito ou outro, Cariño sempre estivo vencellado ao deporte da bicicleta e ás súas xestas, habitualmente sendo sede e colaborando en eventos de diferente índole e relevancia, dende La Vuelta Ciclista a España ata a promoción local do Día da Bici, e polo medio apoiando as probas organizadas polo Clube Ciclista Cariño.
Dende o goberno local que presido estamos plenamente convencidos de que actividade deportiva e medio ambiente deben ir da man, o que nunca debe supoñer unha falta de respeto pola nosa contorna senón, moi pola contra, unha posta en valor da mesma.
Do que non cabe dúbida é de que a caravana ciclista será recibida da maneira que eiquí é costume, que non é outra que facendo honra ao nome da nosa localidade.
Sabemos que a chegada da XVII Volta Ciclista á Provincia da Coruña suporá avanzar un chanzo máis na visualización local deste duro, sacrificado pero fermosísimo deporte, mais tamén somos conscientes da proxección mediática e turística que conleva para Cariño, polo que asumimos o reto organizativo cunha mestura de responsabilidad e ilusión.
Anímovos a que sexades partícipes do evento o vindeiro 3 de xuño, convidándovos a gozar dos numerosos encantos que esconde Cariño.