Cargando...

Juan Carlos Muñiz Nieto

Presidente Federación Galega de Ciclismo

A Volta Ciclista Á Provincia da Coruña alcanza a maioría de idade. Dezaoito edicións outorgan licenza para asegurar que se trata dunha das citas clásicas no calendario Elite e Sub23 estatal. Unha competición asentada e prestixiosa, froito do esforzo común para sacar adiante ano tras ano un espectáculo que vai máis alá do aspecto deportivo.

O ciclismo non so é competición. Tamén é unha ferramenta que ofrece a posibilidade de dar visibilidade a unha provincia e aos seus concellos. A gran rolda coruñesa por etapas non sería posible sen o firme compromiso da Deputación Provincial, unha aposta á que neste 2019 súmanse tres municipios: As Pontes, Muros e Oroso.

Serán tres etapas con inicio e final en tres localidades moi vinculadas ao noso deporte. Os veciños destes municipios exercerán de anfitrións de luxo para escuadras chegadas de toda a Península Ibérica. Os ciclistas, directores e auxiliares sentiranse como en casa e, a súa vez, descubrirán o encanto paisaxístico, cultural e humano dunha provincia que os enamorará.

Dende a organización desta rolda deseñamos un percorrido co que se busca ofrecer un ciclismo apaixonante. Esta carreira non so é unha das primeiras voltas do calendario español, senón tamén unha das máis emocionantes. Tanto os finais de etapa como a loita pola xeral acostuman a manter a incertidume ata os últimos metros. Por iso, convidamos a todos os aficionados a que se acheguen ata as estradas para seguir de preto unha carreira que non os defraudará.

Mentres os corredores lle dan os pedais, hai moitas persoas que colaboran para que todo saia segundo o previsto. A Garda Civil de Tráfico, os xuíces árbitros, Protección Civil, os motoristas de enlace, os médicos, a xente que traballa na liña de meta e no podio… Todos eles son a Volta Ciclista Á Provincia da Coruña da que tan orgullosos nos sentimos na Federación Galega de Ciclismo.

Do 31 de maio ao 2 de xullo toca gozar do ciclismo. Sorte a todos os participantes e que triunfe a deportividade.