Cargando...

Manuel Mirás Franqueira

Alcalde de Oroso

Para todos os veciños e veciñas de Oroso, é un orgullo e un motivo de ledicia que a Deputación Provincial da Coruña e a Federación Galega de Ciclismo escolleran o noso concello como punto de chegada da etapa final da XVIII Volta Ciclista á provincia da Coruña.
Como cada primavera desde 2002, máis de cen ciclistas converten esta volta nun evento xa consolidado no calendario do deporte galego, unha proba que ademáis cumpre nesta ocasión a súa maioría de idade. Por iso, o feito de que Oroso sexa este ano protagonista da etapa final é tamén unha oportunidade, somos un concello acolledor con moito que ofrecer desde o punto de vista paixasístico, patrimonial e gastronómico.
Oroso é natureza e hospitalidade, un lugar de parada no Camiño Inglés a Compostela. Sempre é un bo momento para saborear unhas troitas, o manxar dos nosos ríos, e pasear polos sendeiros naturais do concello.
A promoción dos valores do deporte debe ser unha das funcións principais dun concello. En Oroso estamos moi comprometidos con esta tarefa; de feito, hai agora unhas 1.300 persoas que practican algún tipo de deporte nas escolas deportivas, nos clubs ou en actividades municipais. A maioría, case un milleiro, son menores con entre 5 e 18 anos de idade. O fomento dos hábitos de vida saudables e dos valores do deporte son o mellor legado para as novas xeracións.
En Oroso, traballaremos ao máximo para que o 2 de xuño sexamos a capital do ciclismo galego. Á marxe da proba e como xa é tradicional cada ano, a organización da volta ciclista levará ás rúas diferentes actividades para os máis pequenos e o Concello de Oroso fará todo o posible para que pasen unas horas de diversión, mentres agardan pola chegada dos ciclistas.
Quero agradecer á Deputación provincial e ao seu presidente, Valentín González Formoso, así como o deputado provincial de Deportes, Antonio Leira, a súa confianza en Oroso, trasladando como non podía ser doutra maneira as miñas felicitacións á Federación Galega de Ciclismo polo seu traballo nesta volta desde o ano 2002. Sorte a todos os participantes nesta XVIII edición e agardamos por todos vos o próximo 2 de xuño.